lunes, 9 de febrero de 2009

O teatro grego en Galicia

O artigo de Fernández Delgado “La Tradición Griega en el Teatro Gallego” mostra a incidencia da temática e ideoloxía clásicas dentro do xénero dramático galego. Un dos alicerces que propicia o seu desenvolvemento, aparte dunha afluencia de traducións dos clásicos á lingua galega, ven a ser a corrente teatral francesa, representada por ideólogos como Cocteau, Giraudoux, Anouilh, Camus e Sartre.

Dende esta perspectiva a pretensión é conseguir dotar ao mito dunha connotación política, social e relixiosa que o faga emerxer transformado na súa forma, non na súa esencia, dentro do mundo contemporáneo. O tratamento do mito, a efectos políticos, experimenta a recreación pertinente a fin de transferir unha mensaxe simbólica e crítica coa sociedade do momento. Trátase de empregar a temática mitolóxica para expresar a universalidade dos actos humanos e representar alegoricamente o que a situación social impediría facer de forma directa.

O resultado é quizais paradoxal: ao mito extráenselle precisamente os condicionantes que o fan existir como tal e pasa a ser un pretexto útil como vehículo de expresión. Un exemplo é a versión galega Os homes poden ser deuses de J.M. Gallego Tato, que acude á temática da Odisea co fin de facer cotiáns os trazos do mito. A súa forma de comedia en dous actos verte sobre o público unha reflexión atemporal acerca da fraxilidade do poder e da deslealdade política da masa. Outros intentos na mesma liña son: O arco de Ulises de G. Hauptmann, Naissance de l´Odyssée de G. Giono, El retorno de Ulises de G. Torrente Ballester e La tejedora de sus sueños de A. Buero Vallejo.

Os mecanismos empregados noutros casos para acadar o mesmo fin son: a transformación da trama argumental, os cambios de escenografía ou o cambio dunhas personaxes por outras de carácter anónimo, como acontece na obra de Arcadio López Casanova: Orestes, onde a fonte de inspiración xa non procede do xénero épico senón dos grandes tráxicos Sófocles e Eurípides, inda que de maneira notoria segue máis de cerca os perfiles do primeiro. En consonancia cos puntos enumerados anteriormente, a obra articúlase en torno a constantes adaptacións. Por un lado personaxes fundamentais como Pílades e o Pedagogo desaparecen e cobran vida outros de carácter anónimo como un Garda con función de mensaxeiro. O coro de anciás tamén é substituído polo personaxe dunha vella e o escenario xa non representa a típica fachada dun pazo senón o salón do trono. Do mesmo xeito, o lugar de desenrolo da acción é unha Nova Argos e o vestiario de raíz claramente futurista. A finalidade da obra tamén é distinta: a protagonista xa non é a xustiza do castigo como en Sófocles e en Eurípides, senón o pobo que sofre os abusos constantes dos tiranos.

Un dos núcleos temáticos máis importantes é, sen dúbida, o mito tebano. Os mellores exemplos son: Edipo de M.M. Fernández Teixeiro, A volta de Edipo de A. Peñas e Polinice de M. Queizán e E. Ablanedo. Asemade tamén se produce unha exaltación dos heroes individuais en obras como: Creón, Creón…(modificación da Antígona de Sófocles) Ifixenia non quere morrer (inversión do drama de Eurípides que trata da chegada a Áulide da filla de Agamenón) e Alcestis (baseado no drama familiar do Alcestis de Eurípides), onde o proceso de desmitificación dos heroes gregos alcanza o seu punto máis álxido a partir da súa inserción no marco familiar e da propia interiorización escenográfica.

Noutras ocasións, aparte das características xa citadas, o autor, tomando como base unha saga presente en varias obras (non nunha en concreto) realiza certa distorsión paródica como forma de actualizar o simbolismo mítico. É o caso da obra de Manuel Lourenzo Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca, baseada na Antígona de Sófocles. A obra propón unha versión máis degradante e transformada das personaxes orixinais (incluso de carácter marxinal) e do mito de Edipo en xeral para acabar converténdoa nunha auténtica sátira festiva. Neste sentido sérvese, a modo de exemplo, de anacronismos típicos da parodia e presentes en nomes como Maripepa ou Tirulete.

En ocasións a transformación realízase de forma máis substanciosa e o propio drama clásico é inserido no marco da relixión católica, como acontece na obra paródica de Manuel Lourenzo: Romería as covas do demo, elaborada a partir do Hipólito de Eurípides ao que reproduce seguindo bastante ben o espírito do drama grego tanto dende un punto de vista estrutural como escenográfico, exceptuando a Rañolas, personaxe cómica por excelencia.

Resulta evidente que os condicionantes sociais e históricos do momento son os que delimitan a necesidade de acudir ao material de carácter mitolóxico e literario conformado polos vellos mitos. A súa esencia concrétase na representación de valores universais válidos para o home en calquera época dado que son consubstanciais á súa propia existencia. Unicamente se precisa da súa actualización e adaptación á sociedade contemporánea para que volvan a resplandecer coa luz de antano. Neste sentido, o teatro galego soubo recibir de forma intelixente as obras quen nos foron legadas pola tradición clásica de modo que a súa inmediata adaptación foi premiada cun amplo número de espectadores. Unha vez máis emerxe a ideoloxía dos clásicos, sempre agonizante pero cos folgos suficientes para traspasar os infindos lindes do tempo.

domingo, 8 de febrero de 2009

Unha caza do Tesouro sobre Eurípides



Eurípides naceu en Salamina no 480 e morreu en Pella no 406 a.C. Como sabemos é un dos tres poetas tráxicos gregos da antigüidade, xunto con Sófocles e Esquilo. Durante a súa infancia tivo lugar a Segunda Guerra Médica decisiva para os gregos e o mundo occidental. Dende un punto de vista ideolóxico aborrecía a política e era amante do estudo, de feito, foi o primeiro en ter unha biblioteca privada. Foi amigo de Sócrates que, segundo conta a tradición, soamente acudía ao teatro cando se representaban obras de Eurípides. Foi o principal reformador da estrutura formal da traxedia ática tradicional, introducindo personaxes novidosos que impregnaron o drama dunha profunda forza psicolóxica.

*Primeiramente debes ir ao apartado PREGUNTAS e responder ás que se propoñen.

*As preguntas poderán responderse accedendo ás páxinas propostas no apartado RECURSOS.

*Posteriormente, no apartado A GRAN PREGUNTA, debes elaborar unha redacción acerca dun tema concreto do autor.

*Finalmente na entrada AVALIACIÓN pódense ver os criterios principais de avaliación.

PREGUNTAS

*¿ A situación política e social do momento determinou a obra de Eurípides? Se é que si, de que forma?

*¿ Cales foron as principais innovavións do dramaturgo ?

*Enumera as obras de carácter político e elebora un breve resumo de cada unha.

*Dise de Eurípides que foi o primeiro psicólogo ¿Estás dacordo con esta afirmación?

RECURSOS

*Datos biográficos

*Obra

A GRANDE PREGUNTA

* Elixe unha das obras de Eurípides. A partir do seu resumo elabora un relato actual no que a esencia do tema sexa a mesma.

AVALIACIÓN

* As repostas das preguntas valoraranse sobre un máximo de seis puntos.

* A elaboración do relato poderá chegar a contar catro puntos.

jueves, 5 de febrero de 2009

A traxedia grega: orixe e autores



A traxedia grega constitúe un importante proceso de comunicación no mundo antigo. O transfondo mítico empregado por toda a literatura precedente ven a ser o eixo sobre o que se asentan as metáforas relativas ao conxunto da sociedade. A través do seguinte enlace intenta responder ás seguintes preguntas:

1. Explica as orixes do teatro grego.

2. ¿ Quenes foron Esquilo, Sófocles e Eurípides e cales foron as súas aportacións á traxedia?

3. ¿ Cal é a importancia das obras psicolóxicas e por que nos son tan cercanas?

4. Explica a estrutura dunha traxedia.

lunes, 24 de noviembre de 2008

CHIRON 2.0: clásicas en el aula

O comezo desta historia, sometida aos labirintos da incertidume, acaece os días 21 e 22 de novembro baixo a face gris de Compostela. Era a primeira vez que acudía a un curso que relaciona o mundo clásico e a súa docencia cos recursos virtuais. Sen embargo, a experiencia, aparte de ser novidosa para min e os meus compañeiros, tamén o era para os profesores.
En pouco tempo, conseguiron que me adentrase nun mundo anteriormente descoñecido para min e, o máis difícil, que o sentise preto, ao alcance da miña man. A cercanía dos profesores en todo momento esparcíu o xerme dun ambente colaborativo, dinámico e alegre no que se podía percibir a presenza daquilo que fai dos soños realidade: a ilusión.
Agardo que cun comezo así esta historia soamente poda ter un bo final.